1.1. Cada equipo poderá inscribir un único robot en cada competición.
1.2. Un mesmo equipo si pode participar en varias competicións, cun robot en cada unha delas.
1.3. Un mesmo robot non poderá ser inscrito por dous equipos distintos.
1.4. Se un equipo inscribe máis dun robot nunha competición, a organización pediralle que escolla cal compite. De non facelo antes do peche de inscricións, competirá o primeiro inscrito.
1.5. As categorías de iniciación están reservadas a quen non compite na súa categoría avanzada equivalente. Ningunha persoa que participe nunha competición avanzada poderá participar, na mesma edición, na versión de iniciación correspondente, nin como integrante doutro equipo. Para estes efectos son equivalentes: Segueliñas iniciación e Velocistas / Persecución.
1.6. Cada equipo deberá construir o robot que inscribe. Admítese partir de kits, deseños open source ou pezas comerciais, pero a montaxe, a posta a punto e a programación deben ser obra do equipo. Os xuíces poderán preguntar por calquera detalle construtivo do robot a quen o inscribe.
2.1. Enténdese por equipo o conxunto de persoas que participou de forma substancial no deseño e na construción dun robot concreto. O equipo defínese polo robot, non polo colectivo ao que pertenzan os seus membros. Un equipo pode estar formado por unha soa persoa ou por varias.
2.2. Dous robots consideraranse do mesmo equipo cando concorra calquera destas circunstancias:
2.3. Non constitúe por si mesmo un equipo:
Unha asociación cuxos socios constrúen cada un o seu propio robot non é un equipo. Nese caso particular, existen tantos equipos como robots con autoría diferenciada. A asociación poderá figurar como entidade de pertenza en distintivos dos membros, sen que iso limite o número de robots que presenten os seus socios.
2.4. En caso de dúbida, a organización atenderá a quen deseñou e construíu cada robot, e non á afiliación dos seus autores.
2.5. Toda inscrición realízase a nome dun equipo.
2.6. No formulario de inscrición deberá indicarse o nome do equipo, a persoa de contacto e o nome de cada unha das persoas que o compoñen.
2.7. Unha mesma persoa non poderá formar parte de máis dun equipo dentro da mesma competición.
2.8. A organización poderá ter en conta a participación en edicións anteriores. As persoas que competisen como un mesmo equipo en edicións previas presumiranse un mesmo equipo, agás que acrediten autoría diferenciada dos seus respectivos robots.
3.1. Para que unha competición se celebre será necesario un mínimo de tres equipos inscritos.
3.2. A comprobación realizarase na data de peche de inscricións, que se publicará xunto coa convocatoria e non será posterior a 7 días naturais antes do evento.
3.3. Se unha competición non acada o mínimo, a organización comunicarallo ás persoas inscritas nun prazo de 48 horas dende o peche, e ofreceralles presentar o robot como robot de exhibición (sección 4).
3.4. Unha competición que non se celebre por este motivo non outorgará premios nin figurará na clasificación da edición.
4.1. Calquera equipo poderá presentar robots fóra de competición, para exhibición na zona maker ou co obxectivo de realizar charlas, demostracións ou para que o público os manexe.
4.2. Os robots de exhibición non optan a premios, non ocupan praza en ningunha competición e non computan para os efectos do mínimo da sección 3.
4.3. Non existe límite por equipo, suxeito ao espazo dispoñible e a que cumpran as normas de seguridade da competición equivalente.
4.4. Os robots de exhibición inscríbense no mesmo formulario.
4.5. A presentación de robots de exhibición implica que o equipo que os presente debe realizar actividades de divulgación baseadas no propio robot, é dicir, amosalo e explicalo a visitantes, realizar charlas ou demostracións así como responsabilizarse do seu bo funcionamento e seguridade para o público xeral.
5.1. A verificación dos robots realizarase antes do comezo da proba na que o robot está inscrito. A hora e o lugar especificaranse con antelación para que os participantes poidan acudir. Unha vez o robot sexa verificado, este quedará en parque pechado ata o inicio da competición.
5.2. Os xuíces poderán solicitar en calquera momento o repositorio, esquemático ou documentación dun robot para comprobar o cumprimento dos puntos 1 e 2, a OSHWDem é unha feira de hardware aberto polo que se espera que esa documentación exista e sexa pública. Adicionalmente, tamén se poderá entrevistar aos diferentes compoñentes do equipo ou consultar datos de pasadas edicións para realizar comprobacións.
5.3. O falseamento deliberado da composición dun equipo, da autoría dun robot ou de calquera outro dato da inscrición co fin de eludir os puntos mencionados nos apartados 1 e 2 suporá a exclusión do equipo de todas as competicións da edición en curso, con perda dos premios e clasificacións que obtivese. O equipo conserva a súa condición de visitante e poderá permanecer na feira, nos obradoiros e na zona de exposición.
5.4. A apreciación dos requisitos detallados no punto 5.2 correspóndelle ao xuíz principal, que a comunicará de forma motivada ao equipo afectado.
6.1. O formato de cada competición axustarase á súa propia natureza e ao número de inscritos. Para iso, contémplanse diferentes opcións, tales como liguiña, eliminación directa (con ou sen repesca) ou sistema suízo, entre outras.
6.2. O formato definitivo de competición será comunicado coa maior antelación posible, preferiblemente unha vez pechado o prazo de inscrición e en función das necesidades da propia organización.
6.3. A organización resérvase o dereito a modificar o formato de competición previamente anunciado, mesmo o mesmo día do evento, por causas de forza maior, atrasos nos horarios ou a incomparecencia de participantes (no-shows).
6.4. Os criterios de desempate aplicables a formatos como a liguiña ou o sistema suízo serán especificados xunto ao anuncio do formato definitivo ou, na súa falta, explicados polos xuíces da competición.